xoves, 30 de outubro de 2014

"CONTOS DE MEDO"

Estamos nunhas datas nas que o medo está moi presente, mortos que resucitan, luces que se acenden no medio da escuridade, ... Na biblio temos contos para axudar a combater os medos infantís, dragóns comemedo, palabras máxicas que axudan a non ter medo, nenas amigas da escuridade, coleccionistas de medos ... 
Esta tarde  contaremos algún mentres rebulimos na biblio, e a ti cal che apetece ler?

venres, 24 de outubro de 2014

DIA DA BIBLIOTECA COA COMPAÑIA "OS TRES TENEDORES"

Que mellor maneira de celebrar o Día da Biblioteca que rodeados de bos libros, boa música e boa compañía. Así aconteceu esta tarde na Biblioteca Municipal, só hai que botar unha ollada ás fotos para decatarse que os cativos e non tan cativos pasaron un ratiño moi divertido coñecendo instrumentos musicais, cantando, descubrindo versións moi divertidas da coñecida A Saia da Carolina, escoitando música con instrumentos feitos con materiais de refugallo, ... resumindo, desfrutando dun espectáculo moi musical, participativo e entretido. 











venres, 17 de outubro de 2014

Programa de Animación á Lectura "LER CONTA MOITO"

O próximo 24 de outubro, coincidindo co Día da Biblioteca, terá lugar unha actuación enmarcada no programa "Ler conta moito" da Secretaría de Cultura, que ten como obxectivo achegar os libros e a lectura aos mais cativos.

A compañía "Os Tres Tenedores" representará a súa obra "Petiscos musicais", un espectáculo-obradoiro onde os nenos e as nenas coñecerán de primeira man os segredos da música: mostra de diversos tipos de instrumentos, construción con materiais de refugallo, estilos musicais, ritmos diversos e fermosas cancións que farán desta viaxe a máis musical das aventuras.

Esta actividade terá lugar ás 18.00h na Biblioteca Municipal e, está dirixida aos cativos maiores de catro anos.  



martes, 7 de outubro de 2014

COMEZAMOS A REBULIR NA BIBLIO


Hoxe estamos moi contentos porque a biblio tivo moitas visitas, cativos e mamis viñeron ao comezo desta nova edición do proxecto "Rebulindo na biblio", e pasámolo moi ben descubrindo ao artista que todos levamos dentro.